Obdulia
tiña 19 anos e estudaba Filoloxía Galega en Santiago. Alí vivía
coa súa irmá Ana. Eran xemelgas. Sempre estiveron moi unidas,
compartían todo, levábanse moi ben e tiñan unha complicidade
difícil de entender, mesmo se comunicaban sen falar.
A
festividade de Santos caíu aquel ano en venres, así que había un
fin de semana longo e decidiron voltar á aldea. A noite de Samaín,
Ana tentou convencer a Obdulia que saíse con ella e a panda de
amigos a dar unha volta. Había unha festa nunha aldea dos arredores
e ían ir andando e logo troulearían alí todos. Ana era moito máis
intelixente, non lle cumpría tanto tempo para estudar, sempre sacaba
boas notas case sen esforzo. Obdulia tiña que pasar horas e horas
estudando para obter mesmo resultado. Esta diferenza dábase noutros
campos da vida. Ana era máis alegre, tiña máis capacidade de
relacionarse e facer amigos, era máis creativa e máis popular pero
no profundo do seu ser, eran complementarias e admirábanse e
queríanse como nunca se viu entre dúas irmás.
Aquela noite, unha vez máis, Ana saíu e Obdulia quedou na casa estudando. Cando chegaron as doce da noite, Obdulia estaba rendida, tiña sono e decidiu deitarse e durmir.porque a súa irmá tardaría en vir. Os seus pais xa se foran á cama, eran xente de campo que ten que madrugar para dar de comer ao gando.
Pouco despois de quedarse durmida espertou porque escoitou a voz da súa irmá que a chamaba polo seu nome, sentíu que lle daba un bico e despediuse dela. Obdulia sabía que algo malo lle pasara a Ana. Ninguén mellor ca ella podía saber ese tipo de cousas. Espertou aos seus pais e contoulles a historia. Eles tentaron calmala explicando que todo era un pesadelo. Ao pouco, o timbre da casa sooou insistentemente. Era a garda civil, comunicaron que Ana morrera atropelada por un coche que se dera a fuga.
Nunca se soubo quen conducía aquel coche, Ana morreu e todos choraron moito por ela pero a peor foi Obdulia que desde aquela noite sempre tivo a sensación de que lle faltaba algo, unha metade de sí mesma.
Esta
é unha historia real ocorrida hai trinta anos. Actualmente Obdulia é
profesora de lingua galega nun IES de Santiago e non esqueceu nunca
aquela noite de outono que cambiou a súa vida.
Aurora
Domínguez Fernández