30/9/15

O VIAXEIRO


     Pasara media vida indo dun lugar a outro. Viaxou a países lonxanos, subiu montañas moi altas e viu os máis incribles paisaxes. Montou en globo, en avión, e ata fixo vo sen motor. Tirouse por enormes fervenzas e nadou en ríos perigosos. Era a vida que decidirá vivir, era a súa elección. A súa familia tremía cada vez que recibía unha chamada de teléfono pensando en que algo malo lle puidese pasar ou que a morte o atopase alá moi lonxe.

     Daquela vez, despois de dous días de marcha por moitos camiños divisou, de lonxe, un pouco antes de chegar a un pobo, un carreiro á dereita que lle chamou moito a atención.

     Era dunha cor verde marabillosa e tiña unha chea de árbores, paxaros e flores. Estaba rodeado por completo cun valo de madeira e tiña unha portiña de bronce que o convidaba a entrar. De súpeto, sentiu a tentación de descansar nese lugar. O viaxeiro empezou a camiñar lentamente e fixouse nas pedras brancas que estaban distribuídas entre as árbores. Descubriu, sobre unha das pedras, unha inscrición: “viviu 8 anos, 3 meses, 2 semanas e 5 días” . O viaxeiro sobrecolleuse ao decatarse de que esa pedra non era simplemente unha pedra, era unha lápida. Era unha tumba sen nome dun neno de tan só oito anos. Despois daquela lápida, descubriu outras, todas sen nome e todas de persoas de menos de quince anos. Estaba espantado, aquilo era un cemiterio de nenos. O viaxeiro empezou a chorar, vira moitas cousas nas súas viaxes, pero… isto era especialmente triste. Pasou por alí o enterrador do cemiterio e preguntoulle a causa das súas bágoas. O viaxeiro explicoulle que era moi triste aquel cemiterio de nenos, todos tan novos e todos mortos. O coidador do cemiterio e explicoulle que non eran nenos, eran adultos e que os anos, meses e días que había escritos nas lápidas eran o tempo que cada un deles consideraba que fora feliz neste mundo antes de morrer. O viaxeiro decidiu que cando a morte viñese por el para lévalo, el escribiría que case todos os días da súa vida fora moi feliz porque sempre facía o que desexaba, viaxar polo mundo.


Conto baseado nunha lenda indú anónima.
 
 
Por: Víctor Domínguez Fernández

No hay comentarios:

Publicar un comentario