30/10/15

A DESPEDIDA


     Obdulia tiña 19 anos e estudaba Filoloxía Galega en Santiago. Alí vivía coa súa irmá Ana. Eran xemelgas. Sempre estiveron moi unidas, compartían todo, levábanse moi ben e tiñan unha complicidade difícil de entender, mesmo se comunicaban sen falar.

      A festividade de Santos caíu aquel ano en venres, así que había un fin de semana longo e decidiron voltar á aldea. A noite de Samaín, Ana tentou convencer a Obdulia que saíse con ella e a panda de amigos a dar unha volta. Había unha festa nunha aldea dos arredores e ían ir andando e logo troulearían alí todos. Ana era moito máis intelixente, non lle cumpría tanto tempo para estudar, sempre sacaba boas notas case sen esforzo. Obdulia tiña que pasar horas e horas estudando para obter mesmo resultado. Esta diferenza dábase noutros campos da vida. Ana era máis alegre, tiña máis capacidade de relacionarse e facer amigos, era máis creativa e máis popular pero no profundo do seu ser, eran complementarias e admirábanse e queríanse como nunca se viu entre dúas irmás.

     Aquela noite, unha vez máis, Ana saíu e Obdulia quedou na casa estudando. Cando chegaron as doce da noite, Obdulia estaba rendida, tiña sono e decidiu deitarse e durmir.porque a súa irmá tardaría en vir. Os seus pais xa se foran á cama, eran xente de campo que ten que madrugar para dar de comer ao gando.

     Pouco despois de quedarse durmida espertou porque escoitou a voz da súa irmá que a chamaba polo seu nome, sentíu que lle daba un bico e despediuse dela. Obdulia sabía que algo malo lle pasara a Ana. Ninguén mellor ca ella podía saber ese tipo de cousas. Espertou aos seus pais e contoulles a historia. Eles tentaron calmala explicando que todo era un pesadelo. Ao pouco, o timbre da casa sooou insistentemente. Era a garda civil, comunicaron que Ana morrera atropelada por un coche que se dera a fuga.

     Nunca se soubo quen conducía aquel coche, Ana morreu e todos choraron moito por ela pero a peor foi Obdulia que desde aquela noite sempre tivo a sensación de que lle faltaba algo, unha metade de sí mesma.

     Esta é unha historia real ocorrida hai trinta anos. Actualmente Obdulia é profesora de lingua galega nun IES de Santiago e non esqueceu nunca aquela noite de outono que cambiou a súa vida.



Aurora Domínguez Fernández

No hay comentarios:

Publicar un comentario