Rosa
era unha nena fermosa, cun cabelo magnífico, bonito e moi, moi
longo. Todas as mañás, a súa nai erguíase moi cedo para ir
traballar, pero sempre lle facía unas perfectas trenzas con moito
agarimo mentres ela estaba durmida. Era unha habilidade que a súa
nai tiña, a de peiteala mentres durmía. Cando por fin, viña a súa
avoa a espertala ás oito en punto para poder ir á escola, Rosa
estaba perfectamente peiteadada, tiña a trenzas máis longas de
todas as nenas do colexio e ela sentíase orgullosa do seu
marabilloso pelo. Tiña unha melena moi suave, de varias cores, entre
castaño e loiro e cando lle daba o sol tiña un brillo moi especial
igual que os seus grandes e expresivos ollos de cor mel.
Aquel
era o primeiro curso que ía á escola, aínda non cumprira tres
anos, era das máis novas da clase porque nacera en Nadal. En todo
aquel tempo non lle curtaran nunca o pelo, a súa nai non quería,
era para ela coma un tesouro.
Cando
empezaron a caer as follas das árbores e o outono era imparable,
Rosa, non soubo cal fora a causa, pero a súa nai marchou da casa. A
súa avoa e o seu pai, puxéronse diante dela tentando disimular a
súa pena, cun sorriso falso, un deses sorrisos que os nenos saben
que non son verdade. Explícáronlle que a súa nai estaba moi
enferma e que a estaban coidando os médicos do hospital e que eles
saberían que facer para que se curase así que por algún tempo non
a podía ver.
Rosa
chorou un pouquiño, pero de seguido se lle pasou porque a súa avoa
a acariñou. Pasou algunas semanas ata o Samaín na casa das súas
curmás na aldea. Naquel tempo case non botaba de menos a súa nai
porque todos estaban moi pendentes dela. Pero unha mañá cando se
levantou para ir á escola, dixéronlle que a súa nai morrera e que
seguramente a estaría mirando dende algunha estrela. Non a deixaron
ir ao enterro, porque polo visto, non era cousa de nenos e pasou o
día na casa das súas curmás. Rosa choraba e quería que se fixese
de noite de seguida para que a súa nai a mirase desde algunha
estrela. Unha muller das moitas que pasaron pola casa comentou en voz
baixiña que habería que curtarlle o pelo porque “a nena tiña o
pelo moi longo e era moi difícil péinalo”. Rosa agarrou as súas
trenzas como termando delas para que ninguén llas curtase. Pola mañá
cando a avoa a espertou para ir á escola, empezou a mirala toda
sorprendida e as bágoas caíanlle en silencio polas meixelas. Rosa
tiña unas trenzas perfectas, exactamente igual que cando a súa nai
a peiteaba de noite. A avoa deulle unha grande aperta e moitísimos
bicos e ninguén falou de novo de curtarlle o pelo. Todas as noites,
todas as longas noites daquel inverno, Rosa observaba as estrelas en
silencio durante bastante tempo agardando que a súa nai estivese
mirando desde algunha delas. Aínda hoxe, despois de tantos anos,
prefire as longas noites de inverno cando pole contemplar en silencio
as estrelas.
Por: Aurora Domínguez Fernández
No hay comentarios:
Publicar un comentario