30/9/15

GALIPALABRAS

 
 
Por: Aurora Domínguez Fernández

EU SON GALEGO...E TI, TAMÉN



Por: Víctor Domínguez Fernández

O VIAXEIRO


     Pasara media vida indo dun lugar a outro. Viaxou a países lonxanos, subiu montañas moi altas e viu os máis incribles paisaxes. Montou en globo, en avión, e ata fixo vo sen motor. Tirouse por enormes fervenzas e nadou en ríos perigosos. Era a vida que decidirá vivir, era a súa elección. A súa familia tremía cada vez que recibía unha chamada de teléfono pensando en que algo malo lle puidese pasar ou que a morte o atopase alá moi lonxe.

     Daquela vez, despois de dous días de marcha por moitos camiños divisou, de lonxe, un pouco antes de chegar a un pobo, un carreiro á dereita que lle chamou moito a atención.

     Era dunha cor verde marabillosa e tiña unha chea de árbores, paxaros e flores. Estaba rodeado por completo cun valo de madeira e tiña unha portiña de bronce que o convidaba a entrar. De súpeto, sentiu a tentación de descansar nese lugar. O viaxeiro empezou a camiñar lentamente e fixouse nas pedras brancas que estaban distribuídas entre as árbores. Descubriu, sobre unha das pedras, unha inscrición: “viviu 8 anos, 3 meses, 2 semanas e 5 días” . O viaxeiro sobrecolleuse ao decatarse de que esa pedra non era simplemente unha pedra, era unha lápida. Era unha tumba sen nome dun neno de tan só oito anos. Despois daquela lápida, descubriu outras, todas sen nome e todas de persoas de menos de quince anos. Estaba espantado, aquilo era un cemiterio de nenos. O viaxeiro empezou a chorar, vira moitas cousas nas súas viaxes, pero… isto era especialmente triste. Pasou por alí o enterrador do cemiterio e preguntoulle a causa das súas bágoas. O viaxeiro explicoulle que era moi triste aquel cemiterio de nenos, todos tan novos e todos mortos. O coidador do cemiterio e explicoulle que non eran nenos, eran adultos e que os anos, meses e días que había escritos nas lápidas eran o tempo que cada un deles consideraba que fora feliz neste mundo antes de morrer. O viaxeiro decidiu que cando a morte viñese por el para lévalo, el escribiría que case todos os días da súa vida fora moi feliz porque sempre facía o que desexaba, viaxar polo mundo.


Conto baseado nunha lenda indú anónima.
 
 
Por: Víctor Domínguez Fernández

NOITES DE ESTRELAS



      Rosa era unha nena fermosa, cun cabelo magnífico, bonito e moi, moi longo. Todas as mañás, a súa nai erguíase moi cedo para ir traballar, pero sempre lle facía unas perfectas trenzas con moito agarimo mentres ela estaba durmida. Era unha habilidade que a súa nai tiña, a de peiteala mentres durmía. Cando por fin, viña a súa avoa a espertala ás oito en punto para poder ir á escola, Rosa estaba perfectamente peiteadada, tiña a trenzas máis longas de todas as nenas do colexio e ela sentíase orgullosa do seu marabilloso pelo. Tiña unha melena moi suave, de varias cores, entre castaño e loiro e cando lle daba o sol tiña un brillo moi especial igual que os seus grandes e expresivos ollos de cor mel.

      Aquel era o primeiro curso que ía á escola, aínda non cumprira tres anos, era das máis novas da clase porque nacera en Nadal. En todo aquel tempo non lle curtaran nunca o pelo, a súa nai non quería, era para ela coma un tesouro.

      Cando empezaron a caer as follas das árbores e o outono era imparable, Rosa, non soubo cal fora a causa, pero a súa nai marchou da casa. A súa avoa e o seu pai, puxéronse diante dela tentando disimular a súa pena, cun sorriso falso, un deses sorrisos que os nenos saben que non son verdade. Explícáronlle que a súa nai estaba moi enferma e que a estaban coidando os médicos do hospital e que eles saberían que facer para que se curase así que por algún tempo non a podía ver.

      Rosa chorou un pouquiño, pero de seguido se lle pasou porque a súa avoa a acariñou. Pasou algunas semanas ata o Samaín na casa das súas curmás na aldea. Naquel tempo case non botaba de menos a súa nai porque todos estaban moi pendentes dela. Pero unha mañá cando se levantou para ir á escola, dixéronlle que a súa nai morrera e que seguramente a estaría mirando dende algunha estrela. Non a deixaron ir ao enterro, porque polo visto, non era cousa de nenos e pasou o día na casa das súas curmás. Rosa choraba e quería que se fixese de noite de seguida para que a súa nai a mirase desde algunha estrela. Unha muller das moitas que pasaron pola casa comentou en voz baixiña que habería que curtarlle o pelo porque “a nena tiña o pelo moi longo e era moi difícil péinalo”. Rosa agarrou as súas trenzas como termando delas para que ninguén llas curtase. Pola mañá cando a avoa a espertou para ir á escola, empezou a mirala toda sorprendida e as bágoas caíanlle en silencio polas meixelas. Rosa tiña unas trenzas perfectas, exactamente igual que cando a súa nai a peiteaba de noite. A avoa deulle unha grande aperta e moitísimos bicos e ninguén falou de novo de curtarlle o pelo. Todas as noites, todas as longas noites daquel inverno, Rosa observaba as estrelas en silencio durante bastante tempo agardando que a súa nai estivese mirando desde algunha delas. Aínda hoxe, despois de tantos anos, prefire as longas noites de inverno cando pole contemplar en silencio as estrelas.


Por: Aurora Domínguez Fernández